Hodie

jueves 1 de septiembre de 2011

Presentación da materia Latín II

Na miña condición de profesor das materias Latín I e Latín II dou en primeiro lugar a benvida ao estudio desta materia aos alumnos de nova incorporación. Aos matriculados en cursos anteriores, saúdos moi cordiais. Permítome realizar algunhas recomendacións que serán en calquera caso, de utilidade a todos os alumnos da materia Latín II

OBXECTIVO XERAL DO CURSO

O curso de Latín II busca como principais obxectivos didácticos os seguintes:

Coñecemento xenérico da estrutura morfosintáctica do latín e do seu léxico, con aplicación á tradución de textos sinxelos á lingua de uso do alumno.
Coñecemento xenérico do sistema literario latino.
Coñecemento dos trazos básicos da toponimia galega e a súa evolución.
Coñecemento das principais estruturas de latinismos de uso usual na lingua oral e escrita.

MATERIAIS DE ESTUDIO

Non hai libro de texto. A materia impartirase por medio de apuntamentos e exercicios elaborados polo profesor, complementados co diverso material do blog de aula.
En caso de que algún alumno non teña acceso a internet ou haxa algunha dificultade para conseguilo, no servizo de reprografía do IES estará o material correspondente a indicar curso e materia.
En calquera caso, tamén é conveniente e útil consultar calquera libro introductorio de Latín ou algunha gramática sinxela para repasar conceptos de morfoloxía e sintaxe básica, polo menos durante o primeiro trimestre. O profesor ten a disposición de todos os alumnos manuais e material para elo.
Este curso necesitarase un dicionario de latín dende o primeiro momento. O profesor explicará o axeitado uso do dicionario, que deberá traerse sempre á clase, xunto co resto do material que se vaia indicando e proporcionando.

METODOLOXÍA, ACTIVIDADES E AVALIACIÓN

É moi importante o traballo continuado nesta materia: Será o mellor xeito de obter bos resultados se se procede a un estudio e traducción diarios e constantes.
Nas clases o profesor atenderá fundamentalmente á explicación dos contidos arriba expostos e a prácticas constantes de tradución. Calquera consulta ou dúbida pode realizarse por correo electrónico ou na sección de comentarios do blog. Atenderanse titorías individualizadas todos os recreos, logo de cita.
Para comezar o curso de Latín II de modo axeitado, é fundamental repasar os apuntamentos do curso anterior, ou en calquera caso, un manual introdutorio da materia. De tódolos xeitos, as primeiras semanas farase especial fincapé no repaso e análise do sistema gramatical latino de forma que o alumnado que non cursou o nivel introdutorio poida incorporarse con éxito ao estudio dos contidos da materia.
Determinadas actividades e traducións serán de entrega obrigatoria e a súa resolución suporá un 25% da nota de avaliación. Haberá un exame por avaliación. O aprobado no exame supón a recuperación automática das avaliacións ou niveis anteriores.